Invasión ou mentira? - Radio Escolar para pensar, escoitar e dubidar!
Este curso estreamos con moita ilusión a Radio Escolar do noso centro, e facémolo cun proxecto que combina creatividade, expresión oral e pensamento crítico.
O podcast Invasión ou mentira? é unha peza radiofónica inspirada na histórica emisión de A Guerra dos Mundos, de H.G. Wells e Orson Welles, e propón unha reflexión moi actual sobre a veracidade da información, as fake news e o papel da intelixencia artificial na sociedade actual.
Ao longo do programa, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria constrúe unha historia de ficción sonora que soa como unha emisión informativa real, empregando só voces, sons, música e silencios. O desenlace final invita ás persoas oíntes a cuestionar o que escoitan e a reflexionar sobre a importancia de contrastar a información antes de crela ou compartila.
Este podcast foi enviado á Rede ESPORA, que realizará unha montaxe con producións doutros centros educativos para conmemorar o Día Mundial da Radio, formando parte así dun proxecto colectivo de radio escolar.
Ademais, con esta mesma peza presentamos a nosa candidatura á II Edición dos Premios José Hermida de Radio Pontevedra, como mostra do traballo que estamos a desenvolver no ámbito da educación mediática e da Radio Escolar.
Queremos destacar tamén que se trata do primeiro podcast realizado na nosa Radio Escolar, no que o alumnado participou activamente na elaboración da sintonía e na gravación do programa.
Seguiremos apostando pola radio como ferramenta educativa para aprender a comunicar, a crear e a pensar de maneira crítica.
Agardamos que gocedes da escoita tanto coma nós da súa creación.




